sábado, 25 de abril de 2020

Terra da Fraternidade


A canción do Zeca Afonso “Grândola, Vila Morena” retransmitida por Radio Renascença na media noite do 25 de abril de 1974 foi o sinal que confirmaba o comezo da Revolução dos Cravos. O levantamento dos militares das MFA (Militares das Forças Armadas), apoiado polas xentes que nas rúas reparten caraveis entre os soldados, poñía fin ó “Estado Novo” portugués. O ditador, Marcelo Caetano, continuador do réxime iniciado en 1933 por Oliveira Salazar, entregaba o poder a unha Junta de Salvação Nacional que conducirá a transición cara ó réxime democrático da actual III República portuguesa.


miércoles, 22 de abril de 2020

I República Galega


Deixovos aquí un pequeno artigo redactado por Uxía Vicente Villa, alumna de 2º Bach, referido á proclamación da I República Galega en 1931. 

Primeira República Galega.
A primeira República Galega foi declarada o 27 de xuño do 1931 e tivo unha curta duración, apenas unhas horas xa que o resto de comarcas decidiron non apoiar este feito.
O 28 de xuño de 1931 estaban convocadas unhas eleccións a Cortes Constituíntes da II República Española pero a poboación galega estaba moi descontenta debido a que o Goberno paralizara as obras do ferrocarril que ía seguir a liña Zamora-Ourense-Coruña. Non obstante, a II República fora ben recibida polas masas populares que celebraron varias concentracións en apoio. Así mesmo, Vigo foi unha das primeiras cidades de todo o Estado en izar a bandeira republicana. Todo este entusiasmo disípase coa paralización das obras do ferrocarril, este permitiría establecer conexións entre a meseta castelá e Galicia por exemplo, a exportación de produtos a Madrid. Ata o momento era moi complicado pola dificultosa orografía montañosa galega.
Varias manifestacións son convocadas, unha delas é a de Ourense onde o 25 de xuño do 1931 os manifestantes ocupan a Casa do Concello, erguen a bandeira galega e proclaman publicamente a República Galega. Así a todo, Miguel Maura, ministro da Gobernación, e o Gobernador Civil da Provincia de Ourense negaron estes acontecementos á prensa.
Na Pobra de Seabra tamén se celebrou unha manifestación onde se izou a bandeira galega na Casa Consistorial.
O malestar entre o pobo seguiu acrecentándose tanto polo crecente caciquismo como polas obras paralizadas do ferrocarril. Entón na xornada do 27 de xuño convocouse outra manifestación pero esta vez en Santiago. Alonso Ríos coa axuda de Pedro Couceiro é nomeado presidente da Xunta Revolucionaria da República Galega onde unha multitude avanzou cara o Pazo de Raxoi e tomou as dependencias municipais esixindo a renuncia do alcalde e dos concelleiros e declarando así, o Estado Galego.
Unhas horas depois chegaba un telegrama do Goberno onde se comprometía a retomar a obra do ferrocarril facendo así que a Primeira República Galega sexa un efémero episodio da nosa historia.

domingo, 5 de abril de 2020

Al Alba, de Aute, un dos temas da Transición

Os informativos destes días deixaron un oco na crónica loitosa provocada polo dichosobicho para informar do falecemento do cantautor Luis Eduardo Aute, autor, entre moitos dun dos tremas da Transición titulado Al Alba. Nos estertores do franquismo, en setembro de 1975, Franco asinaba ás últimas penas de morte á que foran condenados en consello de guerra dous membros de ETA e tres do FRAP. O “fío da gadaña” segaría as vidas dos penados a pesares da forte oposición internacional, nunha madrugada de finais de setembro. A letra da canción de Aute non fala expresamente de condenas a morte nin de consellos de guerra. Disfrazada con continuas metáforas para non levantar as sospeitas da censura, esta canción de desamor agochaba a denuncia do “maldito baile de mortos” nun réxime que tamén agonizaba aínda que “o día que se aveciñaba viñera con fame atrasada”. Antes de que rematase o ano Rosa María León poñíalle voz a este tema que logo tamén incluirá Luís Eduardo Aute na súa discofrafía. Máis información 

jueves, 2 de abril de 2020

Investigar sen saír da casa

Vista aérea Monte Trega
Cada vez é máis sinxelo emprender unha investigación no campo da Historia. Son moitos os arquivos de toda España que poñen a disposición de calquera usuario interesado a documentación da que dispoñen. Milleiros de documentos de calquera época son os que podemos ver, descargar, transcribir, analizar e empregar nas nosas investigacións.
Nesta entrada quixera achegarvos un destes portais de acceso a un arquivo dixital: ATOPO. Pertence a Deputación de Pontevedra que hai uns días abriu o acceso a numerosa documentación da provincia e por suposto tamén da Guarda. Podedes buscar documentos de texto, fotos, imaxes ou publicacións relacionados con algún tema que vos interese. Sen movervos do sofá probade a buscar, curioseade a ver que documentos hai, e se encontrades algo de interese, compartídeo.