lunes, 20 de mayo de 2013

Obradoiros Arqueoloxía Experimental

OBRADOIROS DE ARQUEOLOXÍA
 OLARÍA E PAN NO CASTRO DE STA TREGA - A GUARDA 
O sábado 25 de maio celebrarase no monte Santa Trega a II edición dos obradoiros de Arqueoloxía baixo o título “COCER, FERMENTAR E AMASAR. A actividade central consistirá na cocción de reproducións de pezas cerámicas atopadas nas escavacións do castro usando as técnicas de hai 2000 anos. O proceso durará todo o día e estará controlado por Tomás López, oleiro de Gundivós. Comezarse cara as 11:00 da mañá asentando o forno e enfornando as pezas, para pasar despois a temperalas acendendo o lume. Rematarase entre as 18:00 e 19:00 da tarde co desenfornado.
Ademais tanto nenos coma adultos poderán participar nos obradoiros de modelado e fabricación de cerámica castrexa e de elaboración de pan no que aprenderanse as técnicas de moenda, amasado e cocedura do pan usados nos castros. A asistencia é libre, non é necesario apuntarse e estarán abertos de 12 a 14h  e de 17 a 19h.
Os obradoiros estarán organizados polo concello da Guarda e o Padroado municipal Monte Santa Trega, coa colaboración do Grupo de Estudos do NW Ibérico da Universidade de Santiago de Compostela, a Fundación Terra Termarum de Cuntis e a Empresa de olaría Figulus de Gundivós.

lunes, 13 de mayo de 2013

Interpretación do Patrimonio: Corcerizas - Allariz

Alumnos de 3º e 4º da ESO, ós que se sumaron algúns dos integrantes do Comité Ambiental do IES A Sangriña da Guarda, participaron na actividade do Proxecto Terra Intercambio Territorial As Corcerizas-Allariz os pasados días 7 e 8 de maio acompañados por dous profesores do Departamento de Xeografía e Historia e unha profesora de Plástica.
Asistimos na primeira xornada a unha charla sobre bioconstrución no lugar das Corcerizas, no concello ourensán de Vilar de Barrio, emprazado ó pé da serra de San Mamede. Logo dun agradable paseo no que disfrutamos das fermosas paisaxes da serra na que a estas alturasd dda primavera florecen uces, toxos, xestas e carqueixas e as follas das árbores presentan distintas tonalidades nas pequenas fragas, dirixímonos ó pobo de Rebordechao polos mesmos camiños que a mediados do XIX frecuentaba o Home do Unto, Manuel Blanco Romasanta. Nun xogo de descuberta os alumnos entrevistaron a algúns veciños para coñecer a realidade dun pobo que como tantos outros vai queda habitado nos meses de inverno por unha reducida poboación de avanzada idade. Pero que mantén aínda construcións que noutrora eran indispensables nunha economía rural dedicada a gandería e a agricultura: os muíños, o forno comunal, a forxa.
Na segunda xornada, partindo do albergue que nos hospedou e no que fomos magnificamente acollidos, visitamos o casco histórico, os edificios máis emblemáticos -igrexa de Santiago, convento de Sta Clara, casas señoriais- e os museos do Xoguete, o Muíño do Burato e o Museo do Coiro.
Pola tarde, antes de regresar para a Guarda, achegámonos un momento ata o ecoespazo do Rexo, manifestación escultórica e pictórica da arte contemporánea saída das mans do vasco Agustín Ibarrola.
En definitiva unha viaxe que trancurriu entre a arquitectura vernácula de Rebordechao e as manifestacións artísticas actuais.







miércoles, 1 de mayo de 2013

Condicións de traballo nas fábricas do téxtil

Abrazo final.  Fotografía de Taslima Akhter. En lightbox.time.com
Un dos temas que abarcamos ó longo deste curso foi o que titulabamos "os movementos obreiros". Describiamos as condicións de vida dos traballadores das fábricas británicas decimonónicas e as distintas formas nas que os obreiros se organizaron na defensa dos seus intereses. Despois de ver como hai uns días -24 de abril- se desplomaba en Dacca (Bangladesch) un edificio de oito plantas no que traballan diariamente unhas 4000 persoas dedicadas á produción téxtil para marcas occidentais, entre elas algunhas españolas, semella que as demandas daqueles traballadores son na actualidade totalmente válidas. En Dacca morreron, segundo os datos oficiais, 405 persoas e 149 permanecen baixo os escombros. Unha nova traxedia nas vísperas deste 1º de maio instaurado para homanexear a aqueles que en Chicago defendían no 1886 a xornada laboral de 8 horas. A Historia repítese e non aprendemos nin queremos aprender.