lunes, 13 de mayo de 2013

Interpretación do Patrimonio: Corcerizas - Allariz

Alumnos de 3º e 4º da ESO, ós que se sumaron algúns dos integrantes do Comité Ambiental do IES A Sangriña da Guarda, participaron na actividade do Proxecto Terra Intercambio Territorial As Corcerizas-Allariz os pasados días 7 e 8 de maio acompañados por dous profesores do Departamento de Xeografía e Historia e unha profesora de Plástica.
Asistimos na primeira xornada a unha charla sobre bioconstrución no lugar das Corcerizas, no concello ourensán de Vilar de Barrio, emprazado ó pé da serra de San Mamede. Logo dun agradable paseo no que disfrutamos das fermosas paisaxes da serra na que a estas alturasd dda primavera florecen uces, toxos, xestas e carqueixas e as follas das árbores presentan distintas tonalidades nas pequenas fragas, dirixímonos ó pobo de Rebordechao polos mesmos camiños que a mediados do XIX frecuentaba o Home do Unto, Manuel Blanco Romasanta. Nun xogo de descuberta os alumnos entrevistaron a algúns veciños para coñecer a realidade dun pobo que como tantos outros vai queda habitado nos meses de inverno por unha reducida poboación de avanzada idade. Pero que mantén aínda construcións que noutrora eran indispensables nunha economía rural dedicada a gandería e a agricultura: os muíños, o forno comunal, a forxa.
Na segunda xornada, partindo do albergue que nos hospedou e no que fomos magnificamente acollidos, visitamos o casco histórico, os edificios máis emblemáticos -igrexa de Santiago, convento de Sta Clara, casas señoriais- e os museos do Xoguete, o Muíño do Burato e o Museo do Coiro.
Pola tarde, antes de regresar para a Guarda, achegámonos un momento ata o ecoespazo do Rexo, manifestación escultórica e pictórica da arte contemporánea saída das mans do vasco Agustín Ibarrola.
En definitiva unha viaxe que trancurriu entre a arquitectura vernácula de Rebordechao e as manifestacións artísticas actuais.







No hay comentarios:

Publicar un comentario